Asociación

Asociación
Este blog permanecerá aberto para o interese xeral

luns, 2 de febreiro de 2015

Convocatoria ASEMBLEA XERAL ORDINARIA 2015

Data: Mércores 25 de febreiro de 2015.
Hora: ás 19:30 h. en 1ª convocatoria e as 20:00 h. en 2ª convocatoria
Lugar: Salón de actos do Centro Sociocultural de Fontiñas.
Orde do día:
·       Lectura e aprobación da acta da asemblea xeral extraordinaria do 7 de maio de 2014.
·       Presentación e aprobación da memoria de actividade de 2014.
·       Presentación e aprobación da memoria económica de 2014.
·       Presentación e aprobación da planificación de actividades para o 2015.
·       Presentación e aprobación da planificación económica para o 2015.
·       Información das entrevistas co grupo de goberno municipal e cos outros grupos políticos.
·       Baixas de socios.
·       Rogos e preguntas.
A Presidenta: Marina López Prieto
¡¡¡ Asiste e participa no desenvolvemento da asociación, necesitamos traballar xuntos para mellorar o noso barrio, o barrio de todos e todas !!!

Memoria de actividade de 2014.
A asociación desenvolveu durante o ano 2014 as seguintes actividades:
·       Asemblea xeral ordinaria o 26 de febreiro de 2014.
·       Asemblea xeral extraordinaria de 7 de maio de 2014.
·       13 reunións da xunta directiva.
·       Entrevistas co Sr. Alcalde de Santiago, D. Agustín Hernández e os Srs. concelleiros do grupo de goberno, Dª. María Pardo Valdés, D. Luís Meijide Rodríguez e D. José María Rosende Rico.
·       Sardiñada de San Xoán.
·       Festa do Outono.
·       Pincho do Nadal.

Memoria económica de 2014.
O saldo da asociación a 31 de decembro de 2014 é o que se presenta na seguinte táboa.
CC ABANCA
2.730,01 €
Subvencións Concello de Santiago
1.520,00 €

Tesourería
288,57 €
Efectivo
Camisetas
240,00 €

40 camisetas
Cuncas
106,00 €

53 cuncas
SALDO a 31 de decembro
4.884,58 €
 O balance económico do ano 2014 é o que se presenta na seguinte táboa.
Conceptos
Ingresos
Gastos
Saldo da AV a 31 de decembro de 2013
4.795,12 €

Cotas de socios
993,00 €


Financeiros (devolucións 2014)
40,20 €


Subvención 2014
1.520,00 €


Bebidas
138,00 €


Cuncas de barro
200,00 €
140,36 €

Camisetas
300,00 €
248,05 €

Camisetas socios menores

18,00 €
Administración

271,95 €
Actividades

2.147,03 €
Financeiros

71,50 €

Seguro actividades

204,85 €
Totais
7.986,32 €
3.101,74 €
SALDO a 31 de decembro


4.884,58 €
As contas están a disposición de todos os socios e socias o día da asemblea ou cando se requira, solicitándoo no teléfono 662 005 756.

Proposta/planificación de actividades para o 2015.
A xunta directiva propón desenvolver en 2015 as actividades que se relacionan a continuación:
·       Sardiñada de San Xoán, 20 de xuño, rúa Cotaredo. (Custo estimado 1.500 €)
·       Festa do outono, 17 de outubro no parque de Fontiñas. Festa de xogos para nenos e para adultos, magosto. (Custo estimado 1.500 €)
·       Pincho de Nadal. (300 €)
·       Outras actividades, máximo 4, sen custo para a AV, agás os que deriven da súa organización e que non superarán os 60 € por actividade.
O custos do desenvolvemento destas actividades serán atendidos cos fondos propios da asociación e con subvencións. Os custos doutras actividades deberán ser asumidos polos seus promotores.

Proposta/planificación económica para o 2015.
A xunta directiva propón para o ano 2015 un orzamento de 3.586,00 €, segundo se especifica na táboa.

Concepto
Ingresos
Gastos
Cotas socios
1.000,00 €
Subvencións
1.600,00 €

Inversións

300,00 €
Administración

250,00 €
Actividades
986,00 €
3.000,00 €
Financeiros

36,00 €
Totais
3.586,00 €
3.586,00 €

sábado, 6 de decembro de 2014

Pincho de Nadal 2014

 Estimados socios e socias: 
 Con motivo do Nadal a AV "O Camiño das Fontiñas" organiza o próximo 13 de decembro, desde as 13:30 ata as 14:30, o tradicional pincho do Nadal na cafetería Rakel, rúa Fontiñas
É un acto para que todos e todas compartamos uns agradables momentos de convivencia veciñal e  brindaremos  polo novo ano. 
Prégase puntualidade , xa qué, o que chega tarde nin escoita misa nin come carne.

BO NADAL e PRÓSPERO 2015

sábado, 11 de outubro de 2014

Festa do Outono 2014


Invitación Festa do Outono 2014

Estimados socios e socias,
A asociación de veciños organiza o sábado 18 de outubro, na rúa Coto, a festa do outono coas seguintes actividades:
De 16 a 19 H.
XOGOS POPULARES INFANTÍS
Carreiras de sacos. Tiro de corda. O pano. A culler. Piñata. Inchables. Os nen@s deben vir acompañados dos seus pais ou persoa adulta e respectarán as normas da organización.

De 18 a 19:30 h.
1º CONCURSO DE TORTILLAS
Premiaranse as mellores tortillas. Ver as bases ao pé 

Desde as 18 h.
MAGOSTO POPULAR
ACTUACIÓN MÚSICAL
DEGUSTACIÓN de tapas de tortillas feitas polos veciñ@s, empanada e castañas.
As bebidas envasadas terán un custo de 1€ e as bebidas non envasadas serán de balde.

Bases do lº concurso de tortillas Camiño das Fontiñas
1.     Poden participar todos/as veciños/as de Santiago, sexan socios/as ou non da asociación veciñal “O Camiño das Fontiñas”, agás os membros do tribunal.
2.   As tortillas presentadas pasan a ser propiedade da organización para a súa degustación polos asistentes.
3.    Cada participante presentará unha sola tortilla a concurso. A tortilla terá un diámetro mínimo de 24 cm., e deberá ter os seguintes ingredientes mínimos: ovos, patacas, cebola, sal e aceite.
4.    Traerase a tortilla xa preparada da casa o día 18 de outubro e presentarase, entre as 17:00 e as 18:00 horas, na carpa da festa. Cada tortilla será identificada con un número e será exposta aos asistentes ata que o tribunal faga publico o seu veredicto.
5.    As tortillas presentadas serán catadas e valoradas polo xurado do concurso entre as 18:30 e as 19:00 horas. O fallo do xurado será inapelable.
6.   Os elementos a valorar polo xurado serán:
·       A presentación xeral (ata 2 ptos.), Puntúase o seu aspecto externo.
·       O sabor (ata 5 ptos.) Terase en conta os ingredientes empregados e o punto de sal.
·       A elaboración (3 ptos.). Valorase o grado cocción dos ingredientes.
A puntuación máxima son 10 puntos.
7.    Haberá un total de 3 premios: 1º Premio: 30 €. 2º Premio: 20 €. 3º Premio: 10 €.
8.   O concurso será declarado deserto no caso que a concorrencia non acade 10 tortillas.
9.  Ao finalizar a cata e anunciadas as tortillas gañadoras, todas tortillas presentadas serán cortadas en tacos para a degustación polas persoas asistentes.
10. Tortillas de exhibición. Os veciños/as que desexen participar nesta opción poden presentar cantas tortillas como queiran e sen límites no tamaño nin nos ingredientes. As tortillas que reciban máis votos do público será premiadas con un libro de cociña (as dúas máis votadas).

11. A participación no concurso implica a aceptación destas bases e a cesión das tortillas á organización para su degustación pública, aínda que o concurso se declare deserto.

venres, 5 de setembro de 2014

Entrevista co Sr. Alcalde D. Agustín Hernández

Desde que se constituíu a nosa asociación reclamouse ao grupo de goberno e aos outros grupos municipais, reiterada e insistentemente, o arranxo das infraestruturas deterioradas do barrio e unha mellora dos servizos públicos. Estas reclamacións recolléronse nun informe da Xunta Directiva que foi presentado e aprobado na asemblea extraordinaria do 27 de outubro de 2011.
Na xuntanza mantida o día 4 de setembro de 2014 co Sr. Alcalde D. Agustín Hernández Fernández de Rojas e os concelleiros do grupo de Goberno Luís Meijide Rodríguez e José María Rosende Rico, a xunta directiva informou do estado en que se encontran as infraestruturas e servizos do barrio e solicítase as actuacións para dar resposta a estas demandas, de xeito resumido, os puntos tratados foron:
  1. Actuación sobre a rúa Fonte dos Concheiros, Fontiñas e Valiño. Preguntouse polo estado de esta actuación que xa ten o proxecto redactado con un orzamento de 1.124.710€. que foi presentado aos representantes da nosa Asociación por Dª María Pardo Valdés o 3 de marzo de 3014. O alcalde indicou que esta actuación executarase, pero non se sabe cando e non se comprometeu con prazos. Esta actuación ordenará os espazos, eliminará barreiras arquitectónicas, humanizará o barrio, aumentará a seguridade dos veciños e mellorará as infraestruturas das rúas afectadas.
  2. A urbanización da rúa Altiboia non está prevista e o Concello descoñece cal é a situación desta rúa e non está prevista ningunha actuación sobre ela a pesar do seu lamentable estado.
  3. Outras deficiencias de menor entidade, que foron expostos a concelleiro D. José María Rosende Rico na xuntanza mantida o 22 de agosto, (Limpeza da maleza de varios espazos verdes, limpeza e reparación da fonte do “Cabezón”, reparación de varias farolas, colocar placas de identificación das rúas Coto e Cotaredo, eliminación de barreiras arquitectónicas nun paso de peóns) serán atendidas cos presupostos anuais que ten o Concello.
  4.  A reparación dos sendeiros do parque do Cotaredo, a ampliación das pista de chave e petanca, a mellora do chan no que están instalados os aparellos de ximnasia serán tamén acometidos polo Concello. Estudarase a posibilidade colocar unha fonte con auga potable na zona das mesas de das pistas de xogos.
  5. A actuación de mellora do pavimento dalgún tramo das beirarrúas e do pavimento da estrada da rúa Monte dos Postes non pode ser atendida con estes fondos polo seu custo, non existe compromiso do Concello para darlle solución nin prazos.
  6. A actuación sobre un tramo da beirarrúa na Rúa Valiño e escaleiras co Camiño Francés vai a ser estudada e queda pendente de confirmar a súa realización e prazos.
  7. A posta en marcha dos contedores soterrados das rúas Fontiñas e Coto está a espera dun informe da empresa responsable para coñecer o porque da súa fóra de servizo.
  8. Vaise a estudar a posibilidade de reparar a zona das beirarrúas rúa Fonte dos Concheiros onde ai buratos de 20 cm. de profundidade. Parece ser que o problema e que é o Camiño de Santiago e isto dificulta o seu arranxo.

luns, 25 de agosto de 2014

Xuntanza co concelleiro D. José María Rosende Rico

Xuntanza mantida o día 22 de agosto de 2014 co concelleiro adscrito á Área de Participación Cidadá. Departamento de Relacións Veciñais e Relacións co Medio Rural D. José María Rosende Rico e a xunta directiva. 
Informouse do estado no que se encontran distintos espazos do barrio e servizos públicos, que relacionamos de seguido:
  1. Beirarrúa na Rúa Valiño e escaleiras co Camiño Francés. Requírese unha actuación que está pendente desde que se executaron as promocións de vivendas colindantes.
  2. Rúa Monte dos Postes. Varios tramos requiren a renovación do asfalto. Varios tramos de beirarrúa requiren reparar o pavimento. 
  3. Rúa Camiño Francés, Valiño e Altiboia. Varios espazos verdes destas rúas requiren a limpeza da maleza.
  4. Rúa Fontiñas, fonte do “Cabezón”. A fonte require a súa limpeza e reparación.
  5. Iluminación na rúa Valiño. Reparar a farola e revisar as outras.
  6. Rúa Fonte dos Concheiros. Buratos de 20 cm. de profundidade que requiren unha actuación para evitar caídas e accidentes dos peóns.
  7. Solicítase a posta en marcha dos contedores soterrados das rúas Fontiñas e Coto.
  8. Rúas Cotaredo e Coto sen identificar. Requírese as correspondentes placas nestas dúas rúas.
  9. Novo parque do Cotaredo. Require reparar o firme dos sendeiros e ampliar un metro as pistas da chave.
  10. Eliminación de barreiras no paso de peóns da confluencia da rúa Fontiñas coa rúa Jaca.

domingo, 22 de xuño de 2014

Éxito na sardiñada de San Xoán.

A pesar da treboada das 8 da tarde, onte xuntáronse máis de 150 veciños e veciñas para comer sardiñas, empanada, saltar a cacharela e votar as meigas fóra con un grolo de queimada.