CAPÍTULO I
DA ASOCIACIÓN EN XERAL
Artigo
1º.- Constitución da asociación.
1. Constitúese unha asociación sen ánimo de lucro
das previstas na Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de
asociación. A asociación ten a seguinte denominación AV “O Camiño das
Fontiñas"
2. A asociación rexerase por estes estatutos, pola
Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo e pola demais lexislación existente en
materia de asociacións que lle sexa aplicable.
3. A Asociación gozará de personalidade propia e
independente de cada un dos seus membros e capacidade suficiente para adquirir,
posuír, enaxenar calquera clase de bens, celebrar contratos, crear e fomentar
cooperativas de servizos, asociarse ou federarse con outras asociacións,
obrigarse e exercitar toda clase de accións legais, privadas, xudiciais, que sexan
necesarias para o cumprimento e desenvolvemento dos seus fins e obxectivos.
4. A asociación constitúese por tempo indefinido e
só se disolverá, conforme a estes estatutos, pola vontade dos asociados
expresada en asemblea xeral extraordinaria ou polas causas previstas na
lexislación vixente.
5. A asociación rexerase segundo os principios
democráticos contidos no marco da Constitución e o resto do ordenamento
xurídico.
Artigo 2º.- Domicilio da asociación.
O domicilio da
asociación radicará na localidade de Santiago de Compostela, rúa de Jaca nº 5-1ºB
C.P. 15703, correo electrónico: o.camino.fontinas@gmail.com
Artigo 3º.- Ámbito da asociación.
A asociación, en
funcións dos seus fins e do emprazamento do seu domicilio social, exercerá
fundamentalmente as súas actividades no ámbito local do concello de Santiago,
barrio das Fontiñas, rúas comprendidas entre o cruce dos Concheiros e o cruce
da rúa do Valiño coa rúa París e a ambas beiras das rúas Fonte dos Concheiros,
Fontiñas e Valiño.
As rúas incluídas son:
Fonte dos Concheiros, Fontiñas, Valiño, Altiboia, Jaca, Cotaredo, Coto,
Belgrado, Monte dos Postes, Mónaco, Camiño Francés e calquera outra rúa que
solicite a súa adhesión.
Artigo 4º.- Fins da asociación.
1. Defender os intereses xerais dos veciños e
veciñas, en calidade de usuarios e destinatarios finais da actividade
urbanística, cultural, deportiva, educativa, sanitaria, de vivenda, social,
económica, de consumo, de participación en asuntos de interese xeral da cidade,
etc., fomentando as medidas participativas máis axeitadas.
2. Asumir a representación dos veciños e veciñas
do ámbito territorial adoptando as resolucións e levando a termo as actuacións
que pola súa importancia ou interese lles afecten individualmente ou
colectivamente, ou aos intereses xerais da cidade.
3. Informar e apoiar aos veciños e veciñas en
todas as cuestións que afecten aos seus intereses xerais.
4. Fomentar asociacionismo entre a veciñanza como
instrumento de participación e defensa dos intereses xerais.
5. Esixir ás administracións públicas, no seu
respectivo ámbito de competencias, o cumprimento dos dereitos recoñecidos polo
Lei Orgánica 1/2002, as súas normas de desenvolvemento e os regulamentos
municipais, en orde a:
Recibir información directa dos asuntos de interese común
da veciñanza.
Participar das axudas públicas para o desenvolvemento de
proxectos e actividades da asociación.
Establecer convenios de colaboración en programas de
interese xeral.
Ser declaradas de utilidade pública.
Intervir en todos os ámbitos das administracións públicas
para defender os intereses xerais dos veciños e veciñas.
Utilizar os medios públicos (locais, salas de reunións,
centros sociais, radios, etc.) para o exercicio das funcións propias da
asociación.
Exercitar o dereito á iniciativa popular.
Ser escoitada nos plenos e comisións municipais sobre os
asuntos que lle afecten de xeito particular ou xeral aos veciños e veciñas do
seu ámbito territorial.
Artigo 5º.- Actividades e actuacións da asociación
Os beneficios que se
obteñan por calquera concepto destinaranse exclusivamente ó cumprimento destes
fins, sen que se poidan repartir entre os asociados nin outras persoas físicas
ou xurídicas con interese lucrativo.
Para levar a cabo os
seus fins, a asociación poderá organizar actividades e actuacións nos ámbitos
de:
1. Modelo de cidade humanizada, solidaria, segura,
con calidade de vida e sostible.
2. Desenvolvemento urbano, de vivenda, mobilidade
e accesibilidade.
3. Defensa do entorno medioambiental urbano e
natural.
4. Desenvolvemento educativo, cultural, deportivo
e de actividade de lecer destinadas á infancia, á mocidade e á terceira idade.
5. Promoción de comportamentos cívicos e de
convivencia, da prevención das causas que producen vulnerabilidade social,
marxinación e conflitos na convivencia.
6. Promoción da saúde e participación cidadá nos
servizos sanitarios.
7. Desenvolvemento da acción social e da
prestacións e servizos sociais destinados á veciñanza, da información e
asesoramento sobre o acceso estes recursos.
CAPÍTULO II
DOS ASOCIADOS
Artigo
6º. Socios e socias
Poderán ser integrantes
da asociación todas aquelas persoas físicas, con plena capacidade de obrar e as
persoas xurídicas tralo acordo do seu órgano competente, que non teñan débedas
pendentes coa asociación e que reúnan os seguintes requisitos:
1. Persoas físicas maiores de idade que se
identifiquen cos fins da mesma e o soliciten á xunta directiva.
2. Poderán ser integrantes da asociación na súa
sección xuvenil, os menores non emancipados de máis de 14 anos co
consentimento, documentalmente acreditado, das persoas que deban suplir a súa
capacidade.
Os acordos de admisión
de asociados e asociadas tomaraos a xunta directiva, unha vez recibida a petición
por escrito da persoa que desexa ser admitida.
A xunta directiva está
obrigada a inscribir no libro de socios a todo aquel que cumprindo os
requisitos anteriores o solicite e pague a correspondente cota. A denegación da
admisión deberá ser debidamente motivada e contra a cal con cabe recurso algún.
Artigo 7º.- Tipos de socios
Dentro da asociación
poderán existir catro tipo de asociados:
1. Fundadores, aquelas persoas que subscribiron a
acta fundacional.
2. Numerarios, aquelas persoas que ingresaron con posterioridade
á subscrición da acta fundacional.
3. Honorarios, aquelas persoas que, a xuízo da
asemblea xeral, axuden de xeito notable ó desenvolvemento dos fins da
asociación.
4. Xuvenís, aquelas persoas menores de 18 anos que
participen na asociación, que estarán integradas na sección xuvenil, no seu
caso.
Artigo 8º. Perda da condición de socio.
A condición de asociado
pérdese:
1. Por vontade propia comunicada por escrito á
xunta directiva.
2. Por falecemento da persoa física ou extinción
da persoa xurídica.
3. Por expulsión do asociado ou asociada:
a. Por non estar ao corrente no pago das cotas un
ano completo, tralo previo requirimento e aviso de perda da condición de socio.
b. Por incumprimento das súas obrigas ou a
realización de accións que prexudiquen gravemente ós intereses da asociación,
previo expediente disciplinario, con audiencia do interesado.
c. Pertencer a outra asociación cos mesmos ou
similares obxectivos e ámbito territorial.
d. Por incumprir as obrigas estes estatutos.
A expulsión será
acordada pola xunta directiva, logo da audiencia do interesado. O acordo de
expulsión deberá ser ratificado pola asemblea xeral extraordinaria e contra a
súa resolución non cabe recurso algún.
Artigo 9º.- Dereitos dos asociados e asociadas.
1. Participar nas actividades da asociación e nos
órganos de goberno e representación, exercer o dereito de voz e voto, así como
asistir á asemblea xeral, de acordo cos estatutos.
2. Elixir ou ser elixido para os cargos de
representación ou directivos da asociación.
3. Intervir no goberno e as xestión, os servizos e
as actividades da asociación de acordo coas normas legais e estatutarias.
4. Expoñer ante a asemblea e a xunta directiva
todo o que considere poida contribuír á realización dos obxectivos sociais.
5. Solicitar e obter explicacións sobre a
administración e xestión da xunta directiva.
6. Recibir información sobre as actividades da
asociación.
7. Facer uso dos servizos comúns que a asociación
estableza ou teña á súa disposición.
8. Formar parte dos grupos ou comisións de
traballo.
9. Obter certificación expedidas polo secretario,
co VºP do presidente, dos acordos adoptados en asemblea.
10. Solicitar e obter do secretario o listado de
socios co obxecto de proceder á convocatoria extraordinaria da asemblea, sempre
que a petición se realice por escrito asinado por máis de 5 socios.
11. Solicitar convocatoria extraordinaria da
asemblea mediante escrito asinado polo 10% dos socios e que debe ser acompañado
pola orde do día.
12. Ser informado da composición dos órganos de
goberno e representación da asociación, so seu estado de contas e do
desenvolvemento da súa actividade.
13. Ser oído con carácter previo á adopción de
medidas disciplinarias contra el e ser informado dos feitos que dean lugar ás
ditas medidas, debendo motivarse o acordo que, no seu caso, impoña a sanción.
14. Impugnar os acordos dos órganos da asociación
que estime contrarios á lei ou ós estatutos.
Os asociados e
asociadas honorarios e xuvenís non intervirán na dirección da asociación nin
nos órganos de representación dela. Os asociados e asociadas honorarios están
facultados para asistir ás asembleas xerais con voz, pero sen voto.
Artigo 10º.- Obrigas dos asociados e asociadas.
1. Compartir as finalidades da asociación e
colaborar para a súa consecución.
2. Non formar parte como socio doutra asociación
cos mesmos ou similares fins e ámbito territorial.
3. Estar ao corrente no pago das cotas que se
establezan na asemblea xeral.
4. Desempeñar os cargos para os que foron
elixidos.
5. Acatar e cumprir os acordos validamente
adoptados polos órganos de goberno e representación da asociación.
6. Acatar o contido dos estatutos.
7. Non realizar xestións en nome da asociación sen
consentimento da xunta directiva.
CAPÍTULO III
DOS ÓRGANOS DA ASOCIACIÓN
Artigo
11º.- Órganos de goberno e representación de asociación.
Os órganos de goberno e
representación son a asemblea xeral e a xunta directiva.
Artigo 12º.- Asemblea xeral.
A asemblea xeral de
asociados e asociadas é o órgano de expresión da vontade da asociación e estará
formada por todos os integrantes desta. O presidente e o secretario da asemblea
serán o presidente e o secretario da xunta directiva.
Artigo 13º.- Funcionamento da asemblea xeral.
A asemblea xeral
reunirase con carácter ordinario como mínimo unha vez ao ano, e con carácter
extraordinario cantas veces o acorde a xunta directiva, ou o soliciten o 10%
dos socios. Neste último caso realizarase por medio de escrito dirixido ó
presidente, autorizado coas sinaturas dos solicitantes, no que se expoña o
motivo da convocatoria e a orde do día.
Artigo 14º.- Convocatoria da asemblea xeral.
A asemblea xeral
ordinaria reunirase necesariamente unha vez ao ano, no período que vai desde o
mes de xaneiro ata o de marzo.
Tanto a asemblea
ordinaria como a extraordinaria serán convocadas con 15 días de antelación
polo/a presidente/a da xunta directiva. A convocatoria será anunciada nos
locais da asociación, por correo electrónico e no blog da asociación.
Artigo 15º.- Competencias da asemblea xeral ordinaria.
1. Aprobar o plan de actividades.
2. Examinar e aprobar as contas e balances do
exercicio anterior.
3. Aprobar os presupostos de ingresos e gastos
para cada exercicio.
4. Exame e aprobación das cotas.
Artigo 16º.- Competencias da asemblea xeral
extraordinaria.
1. Modificar os estatutos da asociación.
2. Elixir e cesar os integrantes da xunta
directiva.
3. Aprobar o regulamento de réxime interno da
asociación.
4. Autorizar a adquisición de inmobles, bens ou
servizos de valor maior de 500€ ou que requira a aprobación de novas cotas para
ese fin.
5. Autorizar o alleamento, gravame ou hipoteca de
bens sociais.
6. Acordar a disolución da asociación e designar
os/as liquidadores/as.
7. Ratificar a expulsión de asociados e asociadas
a proposta da xunta directiva.
8. Aprobar a federación con outras asociacións.
9. Solicitar a declaración de utilidade pública da
asociación.
10. As que sendo de competencia da asemblea
ordinaria, por razóns de urxencia ou necesidade, non poidan agardar a súa
convocatoria, sen grave prexuízo para a asociación.
11. Toda as non conferidas expresamente á asemblea
xeral ordinaria ou a xunta directiva.
Artigo 17º. Constitución da asemblea xeral.
A asemblea xeral
quedará validamente constituída sempre que concorran a metade máis un dos
asociados na primeira convocatoria ou transcorrida media hora en segunda
convocatoria, con calquera número de asistentes, pero, en todo caso, coa
presenza do presidente e o secretario ou persoas que os substitúan.
Artigo 18º.- Acordos da asemblea xeral.
Os acordos adoptados
deberán selo polo voto afirmativo da maioría simple (os votos afirmativos
superan aos negativos) dos asistentes, excepto os relativos ós apartados do 1 a
6 do artigo 16º, que requirirán maioría cualificada (os votos afirmativos
superan a metade do asistentes e representados).
A continuación
levaranse os acordos ó libro de actas e asinarao o/a presidente/a, o/a
secretario/a da Asemblea. A acta deberá ser lida na seguinte sesión celebrada
pola Asemblea Xeral e aprobada pola maioría simple dos membros presentes.
Artigo 19º.- Cumprimento dos acordos.
Os acordos adoptados
conforme ós preceptos anteriores obrigarán a todos e todas asociados e
asociados, incluídos os non asistentes.
As sesións abriranse
cando así o determine o presidente. Seguidamente procederase por parte do
secretario á lectura da acta da asemblea anterior que deberá ser aprobada.
Posteriormente, o
secretario procederá a presentar a orde do día. Cada punto será informado polo
membro da xunta directiva que lle corresponda, procedéndose ao debate e a
aprobación dos correspondentes acordos nos termos contidos nestes estatutos,
segundo a materia de que se trate.
Artigo 20º.- Inconformidade dos acordos.
Os acordos que vaian
contra estes estatutos ou infrinxan os fins da asociación poderán ser
recorridos en reposición diante da asemblea xeral. A partir da resolución do
recurso de reposición, quedará expedita a vía para recorrer perante a
xurisdición ordinaria.
Artigo 21º. Xunta directiva
1. A xunta directiva estará formada polo
presidente da asociación, un secretario, un tesoureiro e tres vocais.
2. Os cargos que compoñen a xunta directiva serán desempeñados
de forma gratuíta, sen prexuízo do dereito a ser reembolsados dos gastos
debidamente xustificados en que poidan incorrer por actuacións relacionadas coa
asociación.
3. As persoas elixidas para estes cargos deberán
carecer de interese económico nos resultados da actividade levada a cabo pola
asociación.
4. A asemblea xeral será a competente para elixir
os membros da xunta directiva. A súa duración será por un período de dous anos,
aínda que poden ser obxecto de reelección ata un período máximo de 6 anos no
mesmo.
5. Os membros da xunta directiva cesarán nos seus
cargos por:
a. Falecemento da persoa física ou extinción da
persoa xurídica.
b. Renuncia voluntaria.
c. Transcurso do prazo para o que foron elixidos.
d. Acordo de cesamento de toda a xunta directiva
adoptado pola maioría cualificada dos asociados reunidos en asemblea xeral
extraordinaria convocada para tal efecto.
6. A renuncia e o transcurso do prazo non dan
lugar ó cesamento automático, senón que se deberá facer un efectivo traspaso de
poderes con entrega de documentación e posta ó día do sucesor.
7. As vacantes que se puideran producir durante o
mandato de calquera dos membros da xunta directiva, serán cubertas
provisoriamente entre os ditos membros ata a elección definitiva pola asemblea
xeral. En calquera caso, a xunta directiva debe estar integrada como mínimo por
3 persoas, que exercerán as funcións de presidente, secretario e tesoureiro.
Artigo 22º.- Atribucións da xunta directiva
1. Programar e dirixir as actividades asociativas.
2. Levar a xestión administrativa e económica da
asociación.
3. Someter á aprobación da asemblea xeral o
orzamento anual de ingresos e gastos, así como o estado de contas do ano
anterior.
4. Convocar e fixar a data da asemblea xeral.
5. Propoñer á asemblea xeral a fixación de cotas
ordinarias e extraordinarias para os asociados.
6. Designar as comisións de traballo ou seccións
que se estimen oportunas para o bo funcionamento da asociación.
7. Ditar normas interiores de organización e
exercer cantas funcións non estean expresamente asignadas á asemblea xeral.
8. Resolver sobre as solicitudes de ingreso de
novos asociados.
9. Propoñer o plan de actividades da asociación á
asemblea xeral para a súa aprobación, impulsando e dirixindo as súas tarefas.
10. Resolver os procedementos disciplinarios que se
instrúan.
11. Aquelas que non veñan atribuídas expresamente á
outro órgano da asociación.
Artigo 23º. Convocatoria xunta directiva.
1. Será convocada polo presidente, a iniciativa
propia ou a petición de calquera dos seus compoñentes.
2. Para que os acordos da xunta directiva sexan
válidos, deberán ser adoptados pola maioría de votos dos asistentes, sendo
necesaria a concorrencia, polo menos, da metade máis un dos seus membros e, en
todo caso, coa presenza do presidente ou do secretario.
O secretario ou, no seu
defecto, outro membro da xunta directiva que o substitúa, levantará acta das sesións, que se
transcribirá ao libro de actas das reunións da xunta directiva.
Artigo 24º.- Comisións da asociación.
As comisións estarán
formadas polos asociados que queiran formar parte delas e serán presididas por
un membro da xunta directiva. A xunta directiva delegará nas comisións a
preparación de determinados actos ou actividades aprobados pola asemblea xeral
ou xunta directiva.
Artigo 25º. O presidente
O presidente da
asociación será designado na asemblea xeral entre os asociados e o seu mandato
durará 2 anos ata un máximo de 6. Será asistido nas súas funcións polo primeiro
vocal que o substituirá nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade.
Atribucións do
presidente:
1. Representar a asociación perante calquera
organismo público ou privado.
2. Convocar e presidir as sesións que celebre a
xunta directiva; presidir as sesións da asemblea xeral; dirixir as
deliberacións dos órganos da asociación, e decidir con voto de calidade, no
caso de empate.
3. Executar os acordos adoptados pola xunta
directiva e a asemblea xeral.
4. Ordenar os pagamentos acordados validamente.
5. Asinar as actas, certificados, pagamentos e
outros documentos da asociación xunto co secretario ou membro da xunta
directiva a quen lle corresponda a elaboración do documento de que se trate.
Artigo 26º.- O secretario.
O secretario da
asociación será designado na asemblea xeral entre os asociados e desenvolverá o
seu cargo por 2 anos ata un máximo de 6.
Atribucións do
secretario:
1. Notificar as convocatorias, custodiar as actas
e expedir certificacións destas co visto e prace do presidente.
2. Levar o inventario dos bens da asociación nun
libro establecido para este efecto.
3. Recibir e tramitar as solicitudes de ingreso,
levará o ficheiro e o libro rexistro de asociados e terá ó seu cargo a
dirección dos traballos administrativos da entidade.
4. Nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade
do secretario este será substituído por un vocal. O presidente designará entre
os vocais a unha persoa que desenvolva esta función.
Artigo 27º.- O tesoureiro.
O tesoureiro da
asociación será designado na asemblea xeral entre os asociados e desenvolverá o
seu cargo por 2 anos ata un máximo de 6.
Atribucións do
tesoureiro:
1. Xestionar os fondos pertencentes á asociación,
dará cumprimento ás ordes de pagamento que expida o presidente, levará a
contabilidade da asociación, tomará razón e levará conta dos ingresos e dos
gastos asociativos, elaborará o borrador de orzamentos da asociación así como
as contas de resultados e balances.
2. O tesoureiro ten a obriga de proceder ó peche
do exercicio orzamentario antes do 15 de decembro, co fin de que as contas
estean a disposición dos membros da asociación nos quince días anteriores á celebración
da asemblea ordinaria.
3. Nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade
do tesoureiro este será substituído por un vocal. O presidente designará entre
os vocais a unha persoa que desenvolva esta función.
Artigo 28º.- Os vocais
O vocais da asociación
serán designados na asemblea xeral entre os asociados e desenvolverán o seu
cargo por 2 anos ata un máximo de 6.
Atribucións dos vocais:
1. Realizar programas e propostas na súa área de
actuación.
2. Desempeñar os traballos que lle sexan
encomendados pola xunta directiva.
CAPÍTULO IV
ELECCCIÓN DA XUNTA DIRECTIVA
Artigo
29º.- Convocatoria de eleccións.
O proceso de eleccións
ordinario dará comezo un mes antes da finalización do mandato dos cargos da
xunta que corresponda renovar. A tal efecto a xunta directiva comunicará a
todos os socios e socias a apertura do proceso electoral, prazo (non inferior a
15 días) e lugar para presentar as candidaturas en listas abertas ou pechadas e
data e lugar de celebración da asemblea. A lista pechada só será admisible se
os candidatos completan todas as vacantes a cubrir nas eleccións.
Artigo 30º.- Validación dos candidatos.
A xunta directiva
vixiará que todos os candidatos e candidatas cumpran os requisitos. Se nos os
reúnen, por escrito, seralles comunicada a falta de requisitos para que nun
prazo de 3 días fagan as alegacións que correspondan a fin de ser validados
como candidatos. A xunta directiva a vista das alegacións realizadas polos
candidatos pronunciarase sobre as mesmas, como mínimo, 2 días antes da data da
asemblea.
Artigo 31º.- Presentación dos candidatos.
O primeiro punto da
orde do día da asemblea onde se celebren eleccións será de presentación dos candidatos
e candidatas e persoalización dos mesmos perante a asemblea.
Artigo 32º.- Votación dos candidatos.
Finalizada a
presentación de candidatos procederase a votación. De xeito xeral será a man
alzada; a votación será secreta mediante papeletas se antes da votación se
acorda por maioría simple dos asistentes. O dereito ao voto é persoal e non se
admite o voto por representación. Os socios honorarios e xuvenís non teñen
dereito a o voto.
Artigo 33º.- Proclamación dos candidatos.
Finalizada a votación e
efectuado o reconto, o presidente da asemblea proclamará os candidatos e
candidatas electos. Os candidatos electos constituirán a nova xunta directiva
una vez remate o mandato da actual.
CAPÍTULO V
RÉXIME ECONÓMICO
Artigo
34º.- Patrimonio económico.
A asociación no momento
de iniciar as súas actividades dispón dun patrimonio de 0 euros. O peche do
exercicio económico coincidirá co do ano natural.
Artigo 35º.- Réxime orzamentario.
A asociación funcionará
en réxime de presuposto anual, con partidas diferenciadas de ingresos e gastos.
O borrador de presuposto será elaborado polo tesoureiro da asociación, que
deberá telo preparado antes do un de xaneiro de cada ano, a fin de que poida
ser aprobado na asemblea xeral ordinaria.
Artigo 36º.- A asociación manterase dos seguintes
recursos:
Os recursos económicos
da asociación para o cumprimento dos seus fins e obxectivos serán:
1. As cotas periódicas dos/as asociados/as.
2. As cotas extraordinarias que propoña a xunta
directiva e sexan aprobadas pola asemblea.
3. As doazóns ou subvencións que poidan conceder órganos
públicos, entidades privadas ou particulares.
4. Os ingresos que se poidan recibir polo
desenvolvemento das actividades da asociación.
5. Calquera outro ingreso admitido pola normativa
vixente para actividades non lucrativas.
Artigo 37º.- Aprobación das contas.
A asemblea xeral
ordinaria, a proposta da xunta directiva, aprobará tanto as cotas ordinarias
como as extraordinarias que non serán reintegrables en ningún caso. O recadado
dedicarase a atender as necesidades da asociación.
Artigo 38º.- Memoria económica
Anualmente, con
referencia ó ultimo día do exercicio económico de cada ano, elaboraranse as
contas, que se formalizarán nunha memoria, que será posta a disposición dos/as
asociados/as, durante un prazo non inferior a 15 días ó sinalado para a celebración
da asemblea xeral ordinaria, que deberá aprobalas ou censuralas.
A asociación disporá
dun libro de contabilidade co inventario de bens e dereitos, de acordo ao
previsto na Lei orgánica 1/2002.
Artigo 39º.- Fondos e contas.
Para a disposición de
fondos das contas que a asociación ten nas entidades bancarias será necesaria a
sinatura conxunta do presidente e do tesoureiro.
Artigo 40º.- Destino dos recursos da asociación.
Como entidade sen ánimo
de lucro os recursos serán destinados a conseguir os fins da asociación, en
ningún caso poderán ser distribuídos entre os/as asociados/as os recursos
obtidos pola asociación.
CAPÍTULO VI
DO REGULAMENTO DE RÉXIME INTERNO
Artigo
41º.- Regulamento de réxime interno.
O regulamento de réxime
interno desenvolverá aquelas materias non contempladas directamente nestes
estatutos, como o procedemento de funcionamento interno da xunta directiva, o
procedemento disciplinario, e non pode ir en ningún caso en contra do
estipulado neles. En todo caso, o funcionamento interno da asociación estará
sometido ó ordenamento xurisdicional civil.
CAPÍTULO VII
MODIFICACIÓN DE ESTATUTOS E DISOLUCIÓN DA ASOCIACIÓN
Artigo
42º.- Modificación dos estatutos.
Os estatutos só poderán
ser modificados por acordo da asemblea xeral extraordinaria convocada para tal
efecto, adoptado por maioría cualificada dos asociados asistentes. A proposta
de convocatoria deberá ir acompañada do texto das modificacións propostas.
Artigo 43º.- Disolución da asociación.
A asociación
disolverase voluntariamente por acordo da asemblea xeral extraordinaria
convocada para tal efecto, adoptado por maioría cualificada dos asociados
asistentes.
Artigo 44º.- Nomeamento de liquidadores.
Acordada a disolución,
a asemblea xeral extraordinaria designará tres asociados/as liquidadores, que
xunto o/a presidente e o/a tesoureiro/a, procederán para efectuar a liquidación
dos bens, pagando débedas, cobrando créditos e fixando o haber líquido
resultante.
Artigo 45º.- Destinos dos haberes
O haber resultante,
unha vez efectuada a liquidación, doarase a outra asociación non lucrativa e
inscrita no concello de Santiago de Compostela que teña iguais ou similares
fins que os desta asociación.
O xustificante da
doazón será presentado no Rexistro de Asociacións correspondente para proceder
á inscrición da disolución da asociación.
Dilixencia final
D. Jesús Manuel Castro
Iglesias na súa calidade de secretario da Asociación de Veciños “O Camiño das
Fontiñas” fai constar que os presentes estatutos foron modificados por acordo
da Asemblea Xeral Extraordinaria, que tivo lugar o día 2 de abril de 2013.