Introdución:
Este regulamento describe o
procedemento a seguir para nomear a xunta directiva da AV “O Camiño das
Fontiñas”, e os requisitos que deben cumprir os socios e socias para ser
membros dela.
Poderán ser integrantes
da asociación todos os socios e socias que non teñan débedas pendentes coa
asociación ou expedientes abertos no momento de convocar as eleccións a xunta
directiva. Reunirán os seguintes requisitos:
•
Ser maior de idade.
• Presentar a solicitude
de candidato/a á xunta directiva no prazo establecido neste procedemento.
Dereitos dos asociados/as:
Os contemplados no
artigo 9 dos estatutos da asociación.
Obrigas dos asociados/as:
Os contemplados no
artigo 10 dos estatutos da asociación.
Xunta directiva
Está formada polo
presidente/a, un secretario/a, un tesoureiro/a e 3 vocais. Os cargos serán
desempeñados de forma gratuíta, sen prexuízo do dereito a ser reembolsados dos
gastos debidamente xustificados en que poidan incorrer por actuacións
relacionadas coa asociación.
A asemblea xeral será a
competente para elixir os membros da xunta directiva. A súa duración será por
un período de dous anos, aínda que poden ser obxecto de reelección ata un
período máximo de 6 anos no mesmo cargo.
Atribucións da xunta directiva
Os estatutos contemplan
as seguintes atribucións:
• Programar e dirixir as
actividades asociativas. Ditar normas interiores de organización e exercer
cantas funcións non estean expresamente asignadas á asemblea xeral.
• Designar as comisións
de traballo ou seccións que se estimen oportunas para o bo funcionamento da
asociación.
• Propoñer o plan de
actividades da asociación á asemblea xeral para a súa aprobación, impulsando e
dirixindo as súas tarefas.
• Levar a xestión
administrativa e económica da asociación. Propoñer á asemblea xeral a fixación
de cotas ordinarias e extraordinarias para os asociados.
• Someter á aprobación da
asemblea xeral o orzamento anual de ingresos e gastos, así como o estado de
contas do ano anterior.
•
Convocar e fixar a data
da asemblea xeral.
•
Resolver sobre as
solicitudes de ingreso de novos asociados. Resolver os procedementos
disciplinarios que se instrúan.
Convocatoria de eleccións. (artigo 29 dos estatutos da
AV)
O proceso de eleccións
ordinario dará comezo un mes antes da finalización do mandato dos cargos da
xunta que corresponda renovar. A tal efecto a xunta directiva comunicará a
todos os socios e socias a apertura do proceso electoral, prazo (non inferior a
15 días) e lugar para presentar as candidaturas en listas abertas ou pechadas e
data e lugar de celebración da asemblea. A lista pechada só será admisible se
os candidatos completan todas as vacantes a cubrir nas eleccións.
Validación dos candidatos. (artigo 30 dos estatutos da
AV)
A xunta directiva
vixiará que todos os candidatos e candidatas cumpran os requisitos. Se nos os
reúnen, por escrito, seralles comunicada a falta de requisitos para que nun
prazo de 3 días fagan as alegacións que correspondan a fin de ser validados
como candidatos. A xunta directiva a vista das alegacións realizadas polos
candidatos pronunciarase sobre as mesmas, como mínimo, 2 días antes da data da
asemblea.
Presentación dos candidatos/as. (artigo 31 dos estatutos
da AV)
O primeiro punto da
orde do día da asemblea será a de presentación dos candidatos e candidatas e
personalización dos mesmos perante a asemblea. Finalizada a presentación de
candidatos procederase a votación.
Votación dos candidatos. (artigo 32 dos estatutos da AV)
Será a man alzada cando
se trate de listas pechadas, para elo deberán presentarse polo menos dúas
listas; de non ser así o procedemento será de listas abertas.
A votación será secreta
mediante papeletas se antes da votación se acorda por maioría simple dos
asistentes.
Cando se trate de
listas abertas se elaborará unha lista única de candidatos/as para formar a
xunta directiva. Facilitarase a cada socio/a a lista de candidatos/as para que
sinalicen con unha cruz a seis candidatos/as. As listas con máis de seis candidatos
sinalados ou con tachaduras serán consideradas como nulas.
O dereito ao voto é
persoal e non se admite o voto por representación. Os socios honorarios e
xuvenís non teñen dereito ao voto.
Proclamación dos
candidatos electos. (artigo 33 dos estatutos da AV)
Finalizada a votación e
efectuado o reconto, o presidente da asemblea proclamará os candidatos e
candidatas electos. Os candidatos electos constituirán a nova xunta directiva
una vez remate o mandato da actual.
As seis persoas máis
votadas formarán a xunta directiva. A distribución dos postos da xunta
directiva serán asignados por consenso entre os elixidos e serán dados a coñecer
aos socios e socias antes de rematar a asemblea xeral. De non chegarse a acordo
entre os candidatos electos os cargos da xunta directiva nomearanse segundo o
seguinte criterio:
• O presidente será elixido
polos membros da xunta directiva electa entre os catro candidatos máis votados.
• O secretario será elixido
polos membros da xunta directiva electa entre os cinco candidatos máis votados
•
O tesoureiro será elixido
polos membros da xunta directiva electa entre os seis candidatos máis votados
•
Serán vocais os membros
da xunta directiva que non foron elixidos para ocupar os cargos da xunta
directiva.
De non ser posible, no
mesmo momento da asemblea, a distribución dos postos da xunta directiva, os
candidatos electos reuniranse para acordar a composición da xunta directiva e,
nun prazo inferior a 15 días, comunicarán á xunta directiva saliente a súa
composición.
Substitución de membros da xunta directiva durante o período de mandato.
Cando por algunha causa
sexa necesario proceder a realizar novos nomeamentos dos membros da xunta
directiva seguirase o establecido nos artigos 25, 26 e 27 dos estatutos da
asociación, para os cargos de presidente/a, secretario/a e tesoureiro/a respectivamente.
As vacantes producidas
entre os vocais só serán cubertas mediante un novo proceso electoral.
A xunta directiva
convocará eleccións anticipadas cando a integren menos de tres persoas e non
poidan ser cubertos os cargos de presidente/a, secretario/a, e tesoureiro/a; ou
se requira cubrir as vacantes producidas na xunta directiva.
Ningún socio/a poderá
ocupar dous cargos a vez na xunta directiva.